Friday 03 de May de 2024

A Xunta colabora coa ONG Farmamundi para atender a emerxencia no Salvador de Zika, Dengue e Chicungunya


Coa intervención proverase dos materiais necesarios para a realización de campañas de prevención, mitigación e fumigación co fin de eliminar o mosquito que actúa como vector

A Xunta colabora coa ONG Farmamundi para atender a situación de emerxencia decretada no municipio de Mejicanos, no departamento de San Salvador, no país salvadoreño cunha achega de máis de 7.000 euros.

A ONGD Farmamundi, realizará esta intervención contando coa colaboración da Asociación Salvadoreña Promotora de Saúde (APS), e coordinación constante coas institucións do goberno salvadoreño implicadas nesta alerta. Coa intervención proverase do material e insumos necesarios para a realización de campañas de prevención, mitigación e fumigación co fin de eliminar o mosquito que actúa como vector.

Dende o ano 2009 ata agora asináronse oito convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi, co obxecto de realizar actuacións que ambas, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifones Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.

O pasado día 11 de xaneiro o Goberno do Salvador decretou unha alerta nacional ante a elevada presenza de mosquito zancudo aedes aegipti principal transmisor das enfermidades de zika, dengue e chicungunya, e debido ao incremento de persoas infectadas.